17 de maio. Día das Letras Galegas 2008
Xosé María Álvarez Blázquez
Emilio
Álvarez Giménez (1830-1911), que sería autor do considerado primeiro
drama histórico en lingua galega María Castaño ou na revolta popular
(1877), nacera en Puebla de Sanabria, establecéndose en Cataluña, e máis
tarde en Pontevedra, como catedrático de
Clásicos Latinos e Casteláns
do Instituto da cidade,
chegando a ocupar distintos cargos políticos e académicos. Emparentou,
Emilio, coa familia pontevedresa dos Limeses. Casou, primeiro con
Natalia Novoa Limeses, coa que tivo unha filla, Natalia. En segundas
nupcias contrae matrimonio cunha curmá da primeira muller, Amalia
Limeses Negreira, coa que ten nove fillos, entre eles Xerardo Álvarez
Limeses, autor do poemario Entre dous séculos, considerado a
transición entre a lírica decimonónica e a novecentista. Outro dos
fillos foi o médico e xornalista Darío Álvarez Limeses, fusilado na
alameda tudense polos feixistas o
30 de outubro de 1936,
acusado
de ser galeguista.
Darío Álvarez Limeses
casara coa cubana María
Blázquez Ballester, de cuxo matrimonio naceron seis fillos, entre eles
Darío, médico, pero tamén ensaísta e articulista; Emilio, poeta; Álvaro
debuxante, e Xosé María (Tui,
4/2/1915- Vigo 2/3/1985)
a quen
este ano se dedica o Día das Letras Galegas por acordo plenario da Real
Academia Galega reunida o 30 de xuño de 2007.
Xosé María Álvarez Blázquez
Tudense, pero tamén
vigués, pois a meirande parte da súa vida pasouna en Vigo, cidade á que
a familia se desprazou, en 1941, tralo asasinato de seu pai, Xosé María
Álvarez Blázquez viu a luz o 4 de febreiro de 1915. Desde moi novo
vencellouse ás mocidades galeguistas.
En Vigo, desenvolveu o
seu labor cultural e profesional. Foi cronista oficial da cidade, quen
lle dedicou a rúa que sobe ao monte do Castro, onde se pode ver un
monumento deseñado por el mesmo e Lino Cao.
Como poeta o seu primeiro
poemario, con composicións dedicadas a cidade natal, foi “Abril” (1932).
Novelista e dramaturgo, Xosé Mª Álvarez Blázquez presentouse ao premio
Nadal coa obra “En el pueblo hay caras nuevas” (1944), sendo un dos
finalistas. O galeguista Álvarez Blázquez foi tamén un apaixoado da
arqueoloxía na especialidade da Prehistoria, escavando nos castros de
Cabeza de Francos e da Guía, en Tui, cidade onde colaborou na montaxe do
primeiro Museo que o grupo “Ultreya” creou no Instituto de Segunda
Ensinanza de San Domingos, nos anos da II República, segundo escribe
Rafael Sánchez Bargiela, quen lembra do homenaxeado que chegou a ser
comisario local de excavacións arqueolóxicas e vocal do Padroado de
Castrelos. As Gándaras de Budiño, A Guarda e Áncora (Portugal), por
citar algunhas localidades, coñeceron o seu labor como arqueólogo.
O próximo homenaxeado das
Letras Galega, exerceu como mestre ao tempo que estudaba, segundo conta
o cronista oficial de Vigo, Lalo Vázquez Gil, Filosofía e Letras. E
Rafael Sánchez Bargiela lembra que exerceu como mestre en prácticas en
Tui, e máis tarde, xa con destino, na escola das Olivas.
Militante galeguista na
II República, non abandonou as súas ideas co franquismo. Co Alzamento
Nacional, Xosé María foi desterrado á Meseta, ata que puido
reincorporarse á súa cátedra.
A Real Academia Galega
menciona, entre outros títulos deste egrexio poeta, “Poemas de ti e de
min” (1949), tributo ao populismo, imaxinismo e neotrabadorismo;
“Roseira do teu mencer” (1950), que constitúe, segundo a R.A.G., un
libro profundamente conmovedor, pois ninguén cantou na nosa lingua a
emoción da paternidade, e “Canle segreda” (1976) libro grave, sabio e
profundo do que Méndez Ferrín dixo que se fose publicado no tempo en que
foi escrito sería o sinal dun cambio de rumbo da poesía galega. Os tres
libros mencionados foron os únicos poemarios publicados en vida do
homenaxeado.
En 1950, Xosé Mª Álvarez
Blázquez, con Luis Viñas Cortegoso, inspector de ensino primario formado
na Institución Libre de Ensinanza, funda a Editorial Monterrey, que toma
o nome do castelo onde estivo a primeira imprenta de tipos móbiles de
Galicia e onde, en 1941 foi estampado o “Missale Auriense”, o primeiro
libro editado en Galicia. Neste proxecto editorial insírese a Nova
Narrativa Galega. Naquela editorial bilingüe, recorda Manuel Bragado,
editáronse libros como “Teatro venatorio y coquinario gallego” (1958),
de José Mª Castroviejo e Álvaro Cunqueiro, e a colección “Beatus Jacobus”.
Nesta editorial, que se
refundaría no ano 1967 co co nome de Castrelos, Xosé Mª Álvarez Blázquez
deu entrada a outras coleccións en lingua galega, como “Leixado do
vento”, polos anos cincuenta, con dez títulos, entre eles “Roseira do
teu mencer” (1950), poemario dedicado a súa filla ‘Colorín’, e
“Cancioeiro de Monfero, Século XIII” (1953), presentado este como
anónimo, pero que foi escrito polo editor; “Romance do pescador peleriño”
(1954), “Poesías galegas. Égloga de Belmiro e Benigno A Alborada”
(1951), de Nicomedes Pastor Díaz con ilustracións de X. Sesto; “Entremés
famoso sobre a pesca do Río Miño” (1953) e “Cantiga nova que se chama
Riveira” (1957), reedición do segundo poemario de Cunqueiro. En 1953
comeza a segunda das coleccións “Frol e froito” iniciada cun libro de
Ben-Cho-Shey: “Andrómenas. Contos para o pobo”. Pretendía con esta
editorial abrir o camiño aos novos valores literarios, recuperar textos
clásicos e divulgar a literatura galega.
Segue a dicir Manuel
Bragado que Álvarez Blázquez anticipou o nacemento da que se chamaría
“Nova Narrativa Galega” coa publicación dos dous primeiros libros de
Gonzalo R. Mourullo: “Nasce un árbore” (1954) e “Memorias de Tains”
(1956).
Na Editorial “Monterrey”,
cuxo logotipo foi inspirado nun debuxo de Urbano Lugrís, publicouse en
1960 o calendario histórico de Vigo “La ciudad y los días”.
O labor de editor foi cualificado por
Manuel Bragado como o máis destacado de todos os eidos nos que
desenvolveu a súa monumental actividade cultural nuns anos de enorme
precariedade.
O 28 de novembro de 1964
ingresa, como membro numerario, na Academia Galega para cubrir a cadeira
que deixara Aquilino Iglesia Alvariño. O seu discurso de ingreso levaba
por título”Cantares e romances vellos prosificados” e era a súa
aspiración lelo no Pazo de Castrelos Quiñones de León, de Vigo, pero non
puido facelo porque deixou de ser alcalde da cidade Fontán González,
persoa que tiña un especial interese en que este acontecemento tivese
como escenario Castrelos. O discurso de ingreso leuno Álvarez Blázquez
na sede da RAG da Coruña, pero puxo como condición que fose en sábado
“para poder regresar o domingo sen perder xornada de traballo”.
Respondeu daquela ao discurso Fermín Bouza Brey.
Aquela ilusión de entón
cumpriuse en parte o 26 de xaneiro de 2008, porque o fillo do
homenaxeado, Xosé María Álvarez Cáccamo, lía partes do discurso que o
seu pai non puido ler no ano 1962, pero, por cuestións técnicas e
protocolarias, non foi en Castrelos senón no Auditorio da nova Alcadía
de Vigo, e respondeulle Fermín Bouza Álvarez, fillo de Fermín Bouza Brey.
Ademais de ter sido
cofundador da Editorial Galaxia, entre 1963 e 1980 traballa en Edicións
Castrelos, na que se publica a colección “O Moucho” que se abría co que
Camilo Franco cualificou como o best-seller galego: “O Catecismo
do labrego”, de Valentín Lamas Carvajal. “O Moucho” tiña un carácter
popular con libros, engade Camilo Franco, ‘que eran do pobo e para o
pobo’. Nesta colección popularízanse as obras de Rosalía de Castro e
Curros Enríquez.
En 1973, Xosé María
Álvarez Blázquez vai ser o pregoeiro das Festas de San Telmo, cun
discurso en verso e non exento de humor.
Rematamos co desexo de
seu fillo Alfonso Álvarez Caccamo que considera necesario recuperar a
obra dispersa porque o seu pai “publicou moito en separatas, estudos,
ensaios, textos, cousas que quedaron dispersas pero que dan idea dos
intereses literarios e culturais que tiña”.
Bibliografía
“El Día das
Letras Galegas se dedicará en 2008 a Xosé M. Álvarez Blázquez”. Axencia
EFE. Santiago. Faro de Vigo 1 xullo 2007
“O Día das Letras
Galegas estará dedicado a Álvarez Blázquez”. Camilo Franco. La Voz de
Galicia, 1 xullo 2007
“Todos os
Álvarez”. Xosé Luis Méndez Ferrín, Faro de Vigo. 14 xullo 2007
“Álvarez
Blázquez, editor de Monterrei”, por Manuel Bragado. Faro de Vigo, 27
xaneiro 2008.
“O soño de
Álvarez Blázquez cúmprese na Alcaldía de Vigo”. B.R. Sotelino. Voz de
Galicia, 27 xaneiro 2008
“Xosé María
Álvarez Blázquez pregoeiro de San Telmo”, por Rafael Sánchez Bargiela,
Faro de Vigo 29 marzo 2008